Máis de 500 persoas celebrarán os 20 anos da Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña

A gala solidaria, que recadará fondos para a agrupación, será o sábado en San Cibrao

María José Novoa. AXM

Máis de 500 persoas participarán o vindeiro sábado na gala coa que a Asociación de Axuda ao Enfermo Mental A Mariña celebrará o seu vixésimo aniversario.

Baixo o lema “20 anos comprometidos coa saúde mental”, o evento, que terá lugar nunha carpa instalada na Praza dos Campos de San Cibrao, contará con varias actuacións musicais e teatrais.

A gala comezará ás 20.00 horas e contará coas actuacións de Arume (Burela), A Rebolaxe (San Cibrao), Izquierdo Sisters, Foolmakers e Acordeonistas da Mariña. Ás 22.00 horas comezará a cea, servida por O Noso Lar, e desde as 00.30 haberá baile coa orquestra Tapi Öka.

No transcurso da gala sortearase unha viaxe, presentarase un número especial da revista Agarimo, elaborada polos integrantes da asociación, e tamén haberá actividades para nenos, como pintacaras ou xogos, ademais dun Fotomatón.

SERVIZOS

A entidade, cos seus centros de rehabilitación psico-social e laboral, situados en Burela e Ribadeo, así como co piso protexido, trata de mellorar a calidade de vida das persoas que padecen un trastorno mental crónico e das súas familias.

A apertura da unidade residencial en Cervo, así como a vivenda tutelada para mulleres vítimas de violencia de xénero con enfermidade mental, supuxeron un adianto cuantitativo en canto a dar cobertura integral a moitas persoas diagnosticadas de enfermidade mental crónica que precisan dunha atención residencial integral.

“RACHAR ESTIGMAS”

A directora técnica xeral da entidade, María José Novoa, e mailo presidente, Jorge Manchado, agradecen ao Concello de Cervo a súa colaboración para que esta gala, así como á veciñanza da Mariña Lucense polo seu apoio. A gala ten o obxectivo, ao igual que o traballo do colectivo, de “rachar cos estigmas” que persisten sobre as persoas con doenzas mentais e facer unha sociedade máis sensible e xusta.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here